19 jul. 2007

Cultura popular e imaxinario social en Galicia, 1480 - 1900


Esta noticia publicouse no xornal da Universidade de Santiago:



Os traballos sobre a cultura galega presentes neste libro abranguen un período temporal no que xermolaron a maior parte das claves culturais do presente polo que o obxectivo do libro “non é outro que poñer aos galegos a ocorrente das raíces que estas teñen no pasado”, apuntou o profesor Dubert. Neste senso o autor sinala que se trata dun pasado que, en contra do que soe pensarse “resultou ser rico, complexo e variado, cuxo decurso ademais estivo lonxe de predeterminar o presente que estamos a vivir, dado que no seu día estivo aberto a múltiples opcións, alternativas e posibilidades”.


Coa elaboración deste libro Isidro Dubert tenta ofrecer unha lectura compresiva dun anaco da historia de Galicia, “unha lectura que se entenda como un problema non resolto, aberto polo tanto a novas investigacións, cuxos resultados son imprescindibles para a súa continua reinterpretación en aras da recomposición da súa auténtica riqueza, variedade e complexidade”.


A obra está composto por cinco traballos que comezan por unha definición da cultura popular entendida como un conxunto de prácticas sociais e culturais nacidas a partir da “continua ritualización de determinadas concepcións simbólicas levada a cabo polas clases subalternas”. No segundo traballo Dubert achégase á natureza histórica “a través dos evidentes atrancos que a materialización dese proxecto cultural hexemónico de inspiración eclesial coñeceu en Galicia durante a Época Moderna e os albores da Idade Contemporánea”.


O terceiro dos traballos nos que se articula o libro afonda nos instrumentos dos que se valeu a Igrexa “para conseguir a domesticación da cultura popular”, sinala o autor. Este obxectivo conduce a Dubert a interesarse “polo sentir colectivo ante a morte ou pola creación a partir dela de discursos para a vida” que eran logo predicados aos fieis dende o púlpito en distintos intres da historia coas máis variadas intencións. Xa nun cuarta apartado do libro ensáianse novas vías de aproximación ao coñecemento dos mecanismos de difusión da cultura popular mediante o recurso á tradición literaria oral. Para rematar, Dubert realiza un achegamento ao rol xogado polos símbolos de identidade local no mundo urbano galego revisando o seu nacemento, concreción material, significados e a súa adecuación aos distintos contextos sociopolíticos que este mundo coñeceu na media e longa duración.

No hay comentarios: